Friday 17 de May de 2024

Mercedes Rosón: “debemos garantir a liberdade artística e protexer o sector cultural fronte aos que queren volver aos tempos da censura”


O PSdeG levará ao próximo pleno no Pazo de Raxoi unha declaración institucional para que todos os grupos se comprometan “coa liberdade de expresión rexeitando a censura contra unha produción cultural que debe ser plural, diversa e libre”.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2023. Desde o xardín das Pedras que Falan, “un espazo no que se respiran os aires democráticos da liberdade artística”, Mercedes Rosón denunciou este sábado o retroceso vivido nos últimos días logo de que o sector cultural denunciara unha vaga de cancelacións coa constitución das novas corporacións municipais: “vemos con gran preocupación como VOX, coa complicidade do Partido Popular, está vetando representacións teatrais, películas e actuacións de todo tipo reprimindo a expresión da diversidade”.

Así, no próximo pleno municipal os socialistas levarán ao debate en Raxoi unha declaración institucional para “rexeitar a censura e comprometérmonos coa liberdade de expresión”. Recalcando que “sen cultura non hai democracia”, Rosón confía en que as demais forzas políticas apoien a súa proposta para garantir que “Santiago siga sendo berce democrático para a expresión artística” fronte a “violencia da ultradereita contra unha produción cultural que debe ser plural, diversa e libre”.

Rosón insiste en que debe haber un “compromiso unánime” por parte das institucións para garantir “a liberdade artística e protexer o sector cultural fronte aos que queren volver aos tempos da censura”.

Goteo de cancelacións de propostas culturais

A denuncia do PSdeG chega logo de que nas últimas semanas o sector cultural se revolvera contra a decisión dos novos gobernos locais que contan coa presencia de VOX, de eliminar das súas programacións culturais representacións teatrais ou proxeccións no que se veu a cualificar de “vetos ideolóxicos”: impedir nun pobo de Cantabria a exhibición da película de animación Lightyear, na que hai un bico entre dúas mulleres; a cancelación dunha obra teatral en Mallorca que aborda os trastornos alimentarios ou, unha das máis sonadas, impedir a representación dunha obra de teatro baseada en Orlando, a novela de Virginia Woolf baixo a xustificación de que “non é conveniente que un home se converta en muller”.

“Nós poñemos pé en parede, non estamos dispostos a que esta onda reaccionaria poña en perigo a liberdade de expresión artística” replica Mercedes Rosón que agarda que as demais forzas políticas con representación en Raxoi “entendan a gravidade do que está a ocorrer moi preto de nós e decidan comprometerse cunha cultura diversa e sen censuras”.